Thursday 02 de May de 2024

“Os Argalleiros”, “A canteira do Puntal” e “A Revolta de Trasancos” premiadas no festival de comparsas de Neda


O Concello de Neda daba o pistoletazo de saída o venres á noitiña á súa programación especial de Entroido. E facíao co tradicional festival de comparsas, tras ter que suspender por mor do mal tempo o desfile polas rúas. Nove agrupacións – unas 300 persoas- chegadas de distintos puntos da comarca fixeron desfrutar á veciñanza presente no polideportivo municipal Ale de Paz coa súa música, animación e humor.

O fallo do xurado, integrado polo artista aresán Geno, a animadora sociocultural de Neda, Copi Villaamil, e o concelleiro José Sanmartín, facíase público pasadas ás 23 horas. O diploma pola súa animación recaía en “Os Argalleiros” (Narón). “A Revolta de Trasancos” (Ferrol) facíase co recoñecemento pola orixinalidade e vestimenta. Finalmente, a distinción na categoría de crítica da realidade local e comarcal ía parar á comparsa nedense “A canteira do Puntal”. O alcalde Ángel Alvariño era o encargado de entregar este diploma.

As próximas citas do entroido en Neda chegarán o martes coa festa infantil, ás 17 horas no polideportivo municipal, á que seguirá ás 19.30 h o habitual pasarrúas ata Os Subarreiros, lugar onde se procederá á queima do meco con espectáculo pirotécnico incluído.